Ana Iglesias Galdo
Educar e castigar. Unha historia do presente da xustiza de menores en Galicia.
Prólogo de Narciso de Gabriel
Este libro trata sobre os menores que, por seren tratados inxustamente polo vida, teñen trato coa xustiza. Unha xustiza que quere ser cada vez máis específica e cuxas medidas mesturan castigo e educación en doses variables segundo os tempos e as circunstancias. Unha xustiza que pretende rexenerar estes rapaces e rapazas, pero que asemade marca inevitablemente as súas vidas. Unha xustiza condicionada polas alarmas sociais creadas arredor da “delincuencia xuvenil”.
A autora entendeu, ao meu parecer con bo criterio, que esta cuestión se debía abordar tanto desde unha perspectiva diacrónica como sincrónica. Era necesario, antes de máis nada, analizar como se foi configurando historicamente o problema da delincuencia xuvenil. Porque menores que delinquían supoño que os habería desde que existen “menores” e “delitos”, e parece ser tamén que as sociedades ollaron case sempre estas accións delituosas desde unha perspectiva relativamente específica, isto é, diferente da que adoptaban cando os protagonistas eran “maiores”. Nas Partidas (século XIII), por exemplo, reservábase a pena de morte para os que cometesen o nefando delito-pecado de sodomía, por activa ou por pasiva, mais excluíase desta penalidade os que aínda non cumpriran os catorce anos, porque “los menores no entienden que es tan gran yerro como es aquel que facen”. Con todo, a figura do “menor delincuente” é un produto recente, intimamente vinculado ao proceso de industrialización e urbanización, ás novas formas de socialización familiar e escolar, á regulación cada vez máis pormenorizada da vida social ou á progresiva delimitación da infancia e da xuventude como categorías sociais específicas e aos saberes que se ocupan do seu estudo. Esta figura cristalizará nunha lexislación que define con precisión os seus límites cronolóxicos, cada vez máis amplos, un conxunto de institucións que prometen a súa transformación e un aparato xudicial ad hoc.
Identificadas algunhas das claves que permiten comprender a emerxencia do problema, examínase a súa formulación actual en Galicia. A primeira pregunta que orienta a investigación refírese aos protagonistas desta historia: quen son e como discorren as súas vidas? Para darlle resposta préstase unha especial atención á institución familiar, pois é nela onde aniñan as principais circunstancias que encamiñan a xuventude cara a delincuencia. Tamén adquire un importante protagonismo a institución escolar, chamada a reconducir a traxectoria duns menores que non adoitan ter éxito neste medio.
Ana Iglesias Galdo xa coñecía estes personaxes e os múltiples e complexos problemas que rodean as súas vidas. Tamén era consciente de que as solucións non son doadas, ao tempo que non se resignaba ás respostas “evidentes”, por considerar, con António Nóvoa, que “o que é evidente, mente”. Este coñecemento e estas conviccións fóronse forxando no curso da súa experiencia como educadora en centros destinados a menores en conflito social: o Santo Anxo de Rábade-Lugo (1985-1992) e o Jesús de Nazareth de Palavea-A Coruña (1992-2001). Foi precisamente esa experiencia a que favoreceu a súa contratación como Profesora Asociada no Departamento de Pedagoxía e Didáctica, primeiro a tempo parcial e logo con dedicación exclusiva. Encargouse de impartir unha materia moi relacionada coa súa traxectoria profesional: “Intervención en problemas fundamentais de desadaptación social”. Fixo os cursos de doutoramento no noso Departamento e entrou en contacto con Julia Varela e Fernando Álvarez-Uría, que lle forneceron algunhas orientacións para enfocar unha tese que trataría ―evidentemente― sobre o que ás veces gusta denominar a (in)xustiza de menores.
Pediume que fose o director da súa tese e aceptei a oferta, que agradezo. Tivemos diversas sesións de traballo, sobre todo na fase final da investigación, cando revisamos conxuntamente o texto definitivo. (Foi na primavera e comezos do verán de 2005, uns meses nos que eu experimentaba en carne viva a inxustiza máis radical de que pode ser obxecto un neno.) Pero o mérito do texto que se presenta é exclusivamente da súa autora. Eu limiteime a facer algunha que outra pregunta e observación. Estou en condicións, iso si, de testemuñar o entusiasmo con que se realizou a investigación, a empatía da investigadora cos suxeitos do estudo e o seu enorme afán de saber. Con tales ingredientes, o resultado pode ser discutible nalgún dos seus extremos, mais non podía ser malo, é dicir, tiña que ser necesariamente bo.
Narciso de Gabriel
A Coruña, maio de 2008
Categoría: Biblioteca |
