Esculca - Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades
Início   Quen somos?   Opinión   Boletin   Documentos   Lexislación internacional   Mediateca   Entrevistas   Galeria   Contacto


Posicionamento de EsCULcA

Ante as demandas de prisión perpétua no sistema penal español

EsCULcA (Febreiro 2010)

No momento de manifestación dunha nova onda de demanda da implementación da prisión perpétua no sistema penal español, non pode perder-se de vista que tal medida sempre foi un certo parente pobre, un triste sucedáneo, nos simplistas debates públicos sobre seguranza e castigo. O rexime franquista era ben consciente diso, de xeito que durante a maior parte da sua vixéncia posuía a pena de morte, mais non tiña a reclusión a perpetuidade. Con efeito, en termos de vinganza a prisión perpétua non é avondo, pois nese terreno a sanción capital continua sendo difícilmente sustituível. Por outra banda, de unha perspectiva técnica, de prevención de delitos, a prisión perpétua resulta mais ben inútil, dado que a reincidéncia en delitos graves –incluídos os sexuais de certa releváncia- é prácticamente nula. Polo demais, esa inutilidade paga-se a un elevado prezo, tendo en conta os efeitos en matéria de custos económicos, de problemas de governabilidade da convivéncia carcerária ou de tensións constitucionais que xera a privación de liberdade a perpetuidade.

Contodo, a medida é demandada de cando en vez, se cadra porque a Carta de Direitos Fundamentais da UE (art. 2) resolveu definitivamente o debate sobre a pena de morte, determinando a sua proscrición en todo caso.

Sen embargo, non parece que nengun poder público mínimamente responsável poda aceder à demanda de implementación da prisión perpétua, por diversas razóns, adicionais às xa enunciadas:

A) A medida reclamada é inutil, pois o sistema punitivo español xa conta con mecanismos de sanción semellantes, e mesmo mais severos, aos que se poñen en marcha nos países que contan con a prisión perpétua revisável. Neste sentido, cabe pensar: nas condenas de cumprimento efectivo de 40 anos (arts. 76, 78 Código Penal), que en casos de arrependimento se converten só en 32/35 anos; na infausta Doutrina Parot, que fixo aplicável este severo rexime aos condenados polo CP anterior; nos mais de 300 reclusos que no sistema penal español teñen condenas de cumprimento efectivo superiores a 40 anos. Por se restase alguna dúvida en matéria de posível perigosidade dos anciáns excarcerados tras estas medidas, o governo apresentou recentemente un proxecto de lei que permite a liberdade vixiada postpenitenciária para condenados por delitos de terrorismo e contra a liberdade sexual.

Vista de esta perspectiva, a prisión perpétua aparece claramente como unha sanción correspondente a outra época. O próprio da etapa presente é concentrar-se en medidas como as previstas no CP español (non en van muito mais modernas que os sistemas de prisión perpétua dos países do noso entorno), que ao tempo que son mais flexíveis, resultan claramente mais duras que a sanción reclamada.

B) Por se houvese alguna dúvida sobre a severidade do sistema penal español na prática, os dados resultan incontestáveis. Apesar de ter unhas taxas de delincuéncia das mais baixas da UE, o Reino de España ten o nível mais elevado de reclusos de Europa ocidental. A razón é sinxela: o sistema penitenciário español é o 3º con a maior duración média de cumprimento efectivo dos 44 países do Consello de Europa, por riba da totalidade dos sistemas punitivos, duvidosamente respeitosos dos direitos fundamentais, da Europa oriental. Polo demais, as médias de cumprimento efectivo da prisión perpétua nos países que a contemplan (19 anos en Alemaña, 23 en Franza) son claramente inferiores às que se poden alcanzar con a vixente lexislación española. Nese sentido, mesmo caberia intuir que a implementación da sanción demandada seguramente non suporia un endurecimento do sistema punitivo español, senón todo o contrário.

C) A prisión perpétua non resulta admisível de nengun punto de vista progresista, ou mesmo democrático. Non existen métodos mínimamente seguros de predición da perigosidade dunha persoa. Non serve tampouco apelar à necesária excepción, xa que no sistema penal se ten evidenciado, alén de calquer dúvida, que toda excepcionalidade tende a devir regra. Non pode descoñecer-se que a partir dun determinado período de reclusión –os textos de Psicoloxia adoitan mencionar 15 anos- a reintegración social é quimérica. Non obstante, mesmo a vulneración do art. 25.2 CE (o TC  afirmou, p. ex. na STC 162/2000, que a prisión perpétua é incompatível con os arts. 15, 25 CE) poderia ser unha cuestión menor. O verdadeiro problema é que non hai un modelo democrático compatível con a definitiva segregación de –crecentes- segmentos do corpo social.

D) A implementación da prisión perpétua seria profundamente irresponsável, xa que inclusive esa medida resultaria escasa perante as obsesións colectivas, ainda que só sexa porque as retóricas comunicativas producen permanentemente unha imaxe de insuficiéncia e benignidade, mesmo dun sistema punitivo como o español, que é un dos mais duros de Europa. No fondo o problema reside en que o medo, a sensación de inseguranza e as pulsións que xeran autorreproducen-se, e para paliar tais males, a prisión perpétua non acada nen a categoria de placebo.

 

EsCULcA - Galiza, febreiro 2010.


Categoría: Documentos